Calendario
Ver carrera

Xalo - Nocturna

23/11/2024 19:00 - 22:00

[ Go Back ]

Descripción REGULAMENTO · VI NOCTURNA DO XALO
1. OBXECTO
Este regulamento ten por obxecto regular a celebración da VI edición da carreira e andaina "Nocturna
do Xalo", que ten prevista a súa celebración o sábado 23 de novembro de 2024.
2. MEDIO AMBIENTE
A Asociación Castelo Deporte, cuxos estatutos sinalan como fins da actividade da entidade a promoción
e o coidado de entornos naturais, comprométese ao cumprimento da normativa vixente en materia
medioambiental, así como a publicar as instrucións precisas en relación á conservación do espazo
natural, e a esixir o seu cumprimento por parte de todas as persoas relacionadas coa actividade.
3. DESCRICIÓN DA ACTIVIDADE
A Nocturna do Xalo é unha actividade deportiva organizada pola Asociación Castelo Deporte
consistente nunha carreira e unha andaina polo Monte Xalo, das distancias que se describen no
presente regulamento, a celebrar na tarde do sábado 23 de novembro de 2024 no monte comunal de
Castelo, no Monte Xalo, con saída e meta na polideportiva de Castelo, no lugar de Folgueira.
4. MODALIDADES, DISTANCIAS E DESNIVEIS
A actividade conta con dúas modalidades: unha carreira de 12 quilómetros, e unha andaina de 8
quilómetros. Os desniveis dos percorridos serán publicados antes da proba a través da páxina web da
Asociación Castelo Deporte (www.castelodeporte.gal).
5. CATEGORÍAS DE COMPETICIÓN E HORARIOS
A carreira é a única modalidade competitiva da Nocturna do Xalo, e contará con dúas categorías,
masculina e feminina, abertas á participación de calquera persoa maior de idade.
A andaina é unha modalidade non competitiva e está aberta á participación de persoas de calquera
idade.
Para as dúas modalidades establécense as 19.00 horas como horario de saída.
6. PROCESO DE INSCRICIÓN
As inscricións á Nocturna do Xalo realizaranse unicamente a través das páxinas web da Asociación
Castelo Deporte (www.castelodeporte.gal) ou da empresa Emesports (www.emesports.es).
7. PRAZO DE INSCRICIÓN E PRAZAS DISPOÑIBLES
O prazo de inscricións da Nocturna do Xalo abrirá o luns 7 de outubro de 2024, e pechará o martes 19 de
novembro ou cando se cubran todas as prazas dispoñibles para cada unha das modalidades, que se
fixan en 150 para a carreira e 300 para a andaina. A organización resérvase a posibilidade de
incrementar ou reducir o número de prazas ofertadas durante o periodo de inscrición.
8. PREZO DE INSCRICIÓN
As inscricións terán un prezo de 20 euros, independentemente da modalidade e da idade das e dos
participantes.
9. DEREITOS ASOCIADOS Á INSCRICIÓN
Coa inscrición á Nocturna do Xalo cada participante estará cuberto por un seguro de accidentes con
coberturas asociadas a calquera dano físico individual que se produza desde o comezo e ata o remate
da actividade. Ademais, cada participante recibirá un dorsal (con sistema de cronometraxe integrado
para a modalidade de carreira), un agasallo conmemorativo, e un tícket para desfrutar da cea que terá
lugar ao remate da proba na polideportiva de Castelo (Culleredo), ademais dos servizos que se
describen no presente regulamento.
10. CANCELACIÓN DA INSCRICIÓN E SEGURO DE CANCELACIÓN / MODIFICACIÓN DA INSCRICIÓN
Ofrécese ás e aos participantes a posibilidade de contratar un seguro de cancelación / modificación da
inscrición, cun prezo de 3 €, que poderá ser solicitado nas 72 horas posteriores á inscrición mediante
correo electrónico (nocturnadoxalo@castelodeporte.gal), teléfono ou WhatsApp (689882972). Este seguro
permite a cancelación da inscrición coa conseguinte devolución do prezo da inscrición, ou a
modificación dos datos da inscrición (cambio de participante), ata 24 horas antes da celebración da
proba. Non contratándose o seguro, non se realizarán devolucións nin se tramitarán cancelacións nin
modificacións, aínda tratándose de causas de forza maior.
11. DEREITO DE ADMISIÓN
A organización resérvase o dereito de admisión. As persoas que intenten participar co dorsal doutra
persoa non poderán tomar a saída. No caso de que sexa detectado durante ou despois da proba
procederase á descalificación, reservándose a organización o dereito á non admisión en futuras edicións
das actividades organizadas pola Asociación Castelo Deporte.
12. PERCORRIDOS E AVITUALLAMENTOS
Os percorridos, das distancias sinaladas, estarán sinalizados a través de cintas de balizaxe reflectantes.
Non se publicarán tracks nin descricións detalladas dos mesmos.
As e os participantes contarán con servizos de avituallamento líquido e sólido ao longo dos percorridos,
cuxa ubicación será publicada antes da celebración da proba a través da páxina web da Asociación
Castelo Deporte (www.castelodeporte.gal), así como na chegada. A organización permite a posibilidade
de que cada participante asista co seu propio avituallamento líquido ou sólido.
13. PUNTOS DE CONTROL
A organización resérvase a posibilidade de establecer puntos de control, ao seu criterio, para a
comprobación do paso das e dos participantes polo percorrido sinalado, así como límites horarios para
garantir a seguridade tanto das e dos participantes como das e dos membros da organización.
14. SEGURIDADE
A organización situará en determinados puntos do percorrido a persoal especializado encargado de
coidar da seguridade das e dos participantes. É obrigatorio atender ás indicacións deste persoal, que
estará identificado. É tamén obrigatorio ofrecer auxilio a calquera participante que o demande.
15. ASISTENCIA MÉDICA E ACCIDENTES
A Nocturna do Xalo contará con servizo de ambulancia medicalizada na zona de saída e meta, para a
atención que precisen as e os participantes. No caso de accidente, independente da gravidade dos
mesmos, calquera participante está obrigado a comunicalo ao persoal da organización no menor
tempo posible.
16. ABANDONO
Nos casos de abandono voluntario será obrigatoria a comunicación no menor tempo posible ao persoal
da organización no percorrido, ou no teléfono 689882972, e a atención ás indicacións que se reciban
para a volta á zona de saída e meta. A organización poderá obrigar ao abandono da proba cando
considere que calquera participante poida ter minguadas as súas capacidades físicas ou técnicas por
causa da fatiga ou o desgaste, garantindo así a súa seguridade. No caso de que decida continuar, será
unicamente baixo a súa responsabilidade e fóra de toda vinculación coa actividade e a súa
organización.
17. DORSAIS
As e os participantes deberán levar en todo momento os dorsais facilitados pola organización, visibles,
sen recortar, dobrar nin modificar.
Os dorsais entregaranse antes do comezo da proba, nos horarios que se indiquen na páxina web da
Asociación Castelo Deporte (www.castelodeporte.gal), ou que se notifiquen por correo electrónico ás e os
participantes.
18. CRONOMETRAXE
A carreira da Nocturna do Xalo será cronometrada de xeito electrónico pola empresa Emesports.
19. MATERIAL OBRIGATORIO
Cada participante deberá contar cunha lanterna frontal para participar na proba, así como cun teléfono
móbil, que levará activo desde o comezo e ata o remate da actividade. A organización poderá requerir
as comprobacións precisas para garantir estas condicións.
20. MATERIAL RECOMENDADO
A organización recomenda asistir á Nocturna do Xalo con calzado axeitado para correr ou camiñar polo
monte, en función da modalidade, roupa de abrigo, roupa impermeable e roupa de reposto. En función
das condicións meteorolóxicas a organización realizará outras recomendacións a través da páxina web
da Asociación Castelo Deporte (www.castelodeporte.gal), ou por correo electrónico ás e aos
participantes.
21. MOTIVOS DE DESCALIFICACIÓN
Establécense os seguintes motivos de descalificación:
• Non respectar o itinerario sinalizado para atallar
• Impedir ser adiantado ou obstaculizar voluntariamente a outra ou outro participante
• Non levar o material obrigatorio
• Non atender ás indicacións da organización
• Non levar posto o dorsal
• Modificar ou retirar as sinalizacións do percorrido
• Provocar calquera tipo de incidente (agresión ou insulto) a unha ou un participante, membro da
organización ou espectadora ou espectador.
• Provocar un accidente de forma voluntaria
• Participar baixo unha identidade falsa ou suplantando a outra persoa
• Non ofrecer auxilio a unha ou ou participantes con dificultades
• Tirar lixo voluntariamente durante o percorrido
22. RESPONSABILIDADES
Cada persoa inscrita participa baixo a súa responsabilidade. É súa a decisión de tomar a saída.
No sentido anterior, recoméndase a realización das revisións médicas oportunas para a comprobación
da capacitación para a práctica deportiva.
23. RESULTADOS
Os resultados provisionais da carreira serán publicados pola empresa Emesports na zona de saída e
meta ao remate da proba, e pola Asociación Castelo Deporte na súa web (www.castelodeporte.gal) nas
vintecatro horas posteriores ao remate da proba.
Os resultados definitivos da carreira serán publicados pola Asociación Castelo Deporte na súa web
(www.castelodeporte.gal) unha vez expire o prazo de reclamacións.
24. TROFEOS E CERIMONIA DE ENTREGA DE PREMIOS
Recibirán un trofeo as persoas clasificadas nas tres primeiras posicións de cada modalidade a partir dos
resultados provisionais. Ao remate da proba, celebrarase unha cerimonia de entrega de trofeos, na que
se fará entrega dos mesmos.
25. RECLAMACIÓNS
Calquera reclamación sobre os resultados da carreira deberá formularse verbalmente nas dúas
seguintes ao remate da proba á empresa de cronometraxe, ou por escrito no correo electrónico
nocturnadoxalo@castelodeporte.gal nas corenta e oito horas posteriores ao remate da proba.
26. SERVIZOS
A Nocturna do Xalo ofrecerá ás e aos participantes os seguintes servizos:
• Avituallamentos sólidos e líquidos
• Duchas
• Aparcadoiro a 100 metros da zona de saída e meta
• Barra de bebida
27. CANCELACIÓN
No caso de condicións meteorolóxicas adversas a organización resérvase o dereito de cancelar ou
aprazar a proba. No caso de cancelación, o prezo da inscrición será reembolsado a todas e todos os
participantes; porén, cando sexa comunicada cunha antelación menor de sete días en relación á data
de celebración da actividade a organización resérvase o dereito de realizar un reembolso parcial, para
cubrir os custos non recuperables. No caso de aprazamento, as e os participantes terán dereito á
cancelación de balde da súa inscrición e ao rembolso do prezo da mesma.

[ Go Back ]